Coloquio “Novos usos e novos hábitos de consumo das pantallas”

O vindeiro xoves día 22 Francesc Josep Deó, presidente de Aula Mèdia, conducirá un coloquio en Chantada para familias e educadorxs sobre o emprego das TIC por parte de nenxs e adolescentes. Falaráse de estratexias e ferramentas para un emprego consciente e responsable das mesmas.

“Novos usos e novos hábitos de consumo das pantallas” é o título desta charla que busca abrir un o debate sobre o consumo da televisión e internet na aula e o fogar, a introdución dos dispositivos móbiles na cotidianidade de nenxs e adolescentes e a necesidade dunha mirada crítica a estes medios.

Francesc Josep Deó é profesor de Tecnoloxía, xornalista e coordinador de EduCom. Foi  formador de persoas formadoras do Departament d’Ensenyament da Generalitat de Catalunya e do Institut de Ciències de l’Educació da Universitat de Barcelona (ICE-UB). Ademais foi coordinador e formador da Escola d’Estiu d’Educació en Comunicació (2006-2012) de AulaMèdia.

É colaborador en diferentes publicacións pedagóxicas, autor e editor do libro Educació i Televisió Local (2000) e do libro Zàping. Pensant (amb) la comunicació (2011). É coautor co Dídac Roger de Kineina das reportaxes audiovisuaiss: Una Mirada Crítica (2012), Un matí a la redacció de TV3 (2015) e El Poder dels Mitjans (2016).

O evento, de acceso libre, está organizado pola asociación chantadina Airoá Comunicación e a catalana Aula Mèdia e vaise celebrar no IES Val do Asma de Chantada ás 18h. A organización ten soporte para o coidado de crianzas a cargo do colectivo Velaísca.

A actividade está inserta no marco de Pingueira. Encontro transdisciplinar de co-aprendizaxe en contexto, un espazo de debate sobre a educomunicación coordinado por Airoá Comunicación e Nova Escola Galega que pon fincapé nesta edición na tecnociencia. Este encontro, cuxas inscricións seguen abertas, fai un chamamento a toda a comunidade educativa e celebraráse os vindeiros 23 e 24 de setembro entre o IES Val do Asma e o Ecomuseo de Arxeriz.

 

Envía un comentario

Email necesario *